"A Asociación Érguete recibirá a Cruz Blanca de la Orden al Mérito del Plan Nacional sobre Drogas"

O Ministerio de Sanidad premiará así a traxectoria e o traballo exemplar da entidade pola mellora de vida das persoas con problemas de adiccións

Hai case 39 anos un grupo de nais formaron unha Asociación para que os seus fillos e fillas con problemas de adiccións tiveran unha saída. Tamén era unha plataforma pola que protestar, loitar e, tamén, soñar. Chamárona Asociación Érguete e hoxe, case corenta anos despois, continúa a súa labor con máis persoas usuarias que nunca (máis de 8.000) e o seu traballo vai ser premiado este ano coa Cruz Blanca de la Orden al Mérito del Plan Nacional sobre Drogas que cada ano entrega o Ministerio de Sanidad. 

A coordinadora da Asociación, Elvira Rivas, destaca que este recoñecemento “é un premio a todas aquelas nais que soñaron o que somos hoxe” e tamén “un impulso máis a este proxecto que queremos que siga crecendo para non deixar a ninguén atrás”. Rivas quere lembrar a importancia para a sociedade dos programas de prevención e intervención da Asociación, tanto na saúde pública como no impulso de novas oportunidades. 

Coa Cruz Blanca na Asociación Érguete tamén queren insistir en que a loita contra as adiccións “ten que ser un compromiso común para todos e todas”. O primeiro paso, é non criminalizar ás persoas que consumen. “Temos que saber que teñen un problema do que non se pode saír só. Ninguén podería”. Contan que a única maneira de solucionar esta problemática “é que rememos xuntos e xuntas para seguir conseguindo recursos para axudar a estar persoas e deter aos culpables, os grandes traficantes”. Rivas incide en que a Cruz Blanca é un recoñecemento que mostra a importancia deste traballo. 

O Ministerio de Sanidad tamén premiará á Asociación Ferrolana de Drogodependencias – ASFEDRO, a Ana María Vicente Macías, a Alejandro Martín Blas, a Patricia Angulo Llanos, ao Grupo de Control Aduanero y Seguridad en las Terminales Portuarias de la Aduana Marítima de Valencia, a Ana Ruíz Bremón, a Ana Sánchez Sánchez, a Francesc José Verdú Asensi e a Alfonso Ramírez de Arellano.