"Lola, Amparo e Xulia, as “Schindler galegas” que salvaron a centenares de xudeus do Holocausto"

A Asociación Érguete recibiu a Alexandra Touza para a presentación do seu libro “Lola, Amparo e Xulia, as irmáns Touza”. Unha historia sobre tres mulleres de Ribadavia que trala Guerra Civil, en 1940, salvaron a vida a medio millar de xudeus que fuxían dos nazis creando unha rede de fuga que tiña como meta Portugal.
as schindler galegas

“A historia ten que coñecerse. A xente nova ten a necesidade de coñecer ben o pasado, aínda que doa”, reflexiona a presidenta da Asociación Érguete, Carmen Avendaño, durante a presentación do conto para nenos e nenas “Lola, Amparo e Xulia, as irmáns Touza” da autora viguesa Alexandra Touza. Unha historia sobre tres  irmás de Ribadavia que fixeron do seu quiosco na estación de tren un refuxio para centenares de xudeus que chegaban a Galicia fuxindo dos nazis. Alí, nun pequeno soto se escondían, ata que na noite escapaban para Portugal coa axuda dunha rede de fuxida que as irmáns Touza articularon arriscando as súas vidas.

Alexandra Touza escribiu esta historia porque lle toca moi de cerca. É neta dun supervivente do campo de concentración de Auschwitz en Polonia. O seu avó tiña trece anos cando os nazis sacaron a el e a súa familia do seu fogar, nun vila cerca de Amsterdam (Países Baixos), para levalos ao campo de exterminio. Foi o único que sobreviviu e, paradoxicamente, foi grazas a un soldado alemán que lle deixaba migas de pan a escondidas para que non morrera de fame. Cando foi liberado estableceuse de novo en Amsterdam e casouse. Alí tiveron a nai de Alexandra e tamén alí a súa filla namorou dun galego que se apelidaba Touza. Un nome que compartían cos tres anxos de Ribadavia posto que resultaron ser familiares lonxanos.

A historia da súa familia tanto por vía materna e vía paterna é un dos xermes dun conto que arrancou con 1.500 exemplares repartidos en escolas e oficinas de turismo. “Rapidamente voaron todos as copias”, destaca a escritora viguesa. E o conto non quedou só en Galicia, se non que tamén chegou a unha das bibliotecas máis importantes de Israel. A historia tamén cruzou o Atlántico para converterse nunha obra de teatro en México e agora unha película sobre as tres mulleres galegas está en proceso de produción. En definitiva, unha historia que comeza a contarse 80 anos despois de que pasara debido ao silencio pactado polas tres irmáns por medo a represalias e ao propio peso dunha historia que ocultou a estas salvadoras.

A presidenta da Asociación Érguete, Carmen Avendaño, destacou que historias así “deben ser coñecidas”. “Temos a necesidade de saber cousas, de coñecer o noso pasado, para homenaxear aos que loitaron pola liberdade e para que os erros non se volvan a repetir”, concluíu pondo o foco na importancia da educación dos máis pequenos e pequenas. Nesta afirmación coincidiron Alexandra Touza, a presidenta de Executivas de Galicia, Carla Reyes, e os usuarios e usuarias do programa de vivendas da Asociación Érguete que acudiron á charla e a enriqueceron coa súa participación.

as schindler galegas 2