UNHA ASOCIACIÓN CON 38 ANOS DE HISTORIA

A Asociación Érguete nace en 1984 como iniciativa dun grupo de familias cun vínculo común: a drogodependencia dalgún dos seus fillos.

Historia-Asociacion-Erguete

Legalízase no ano 1985 destacando pola súa loita e denuncia do narcotráfico e pola súa demanda de recursos profesionais, públicos e de tratamento da drogodependencia. Debido á demanda que a Asociación vai recibindo na súa traxectoria, o 25 de outubro de 1989, asígnase un convenio entre o Plan Autonómico de Drogodependencias (P.A.D), Xunta de Galicia (Goberno Autónomo) e a Asociación, convenio polo cal se crea o Servizo de Información e Orientación Xurídico-Social e Reinserción do Toxicómano ( SIORT). Este Servizo posibilita unha atención especializada e provisional aos usuarios/ as, canalizando todas as demandas dos seus afectados a nivel persoal, xurídico e socio-laboral.

enlace-Historia-Asociación-Érguete

Nun paso máis do traballo pola plena incorporación á sociedade das persoas que tiveron problemas de drogodependencia, e en xeral dos colectivos que sofren o problema da marxinación, créase no ano 1999 a Fundación Érguete-Integración, para fomentar a inclusión social de todos os colectivos atendidos pola Asociación. Dende aquel pasado cheo de dificultades, a Asociación Érguete non parou de medrar. Na actualidade conta con máis persoal, con máis usuarios e usuarias, con máis programas de intervención e cunha maior presencia en distintos colectivos da sociedade. O noso crecemento sostible e constante é un exemplo no ámbito das organizacións sen ánimo de lucro.