A Asociación Érguete, a través do seu programa PFIS, traballa co Centro de Inserción Social de Vigo neste proceso de recuperación de responsabilidade e independencia
A Asociación Érguete leva 13 anos acompañando ás persoas do Centro de Inserción Social Carmen Avendaño de Vigo no seu proceso de preparación para a liberdade despois da prisión. O equipo de profesionais da entidade, a través do Programa de Formación e Integración Social (PFIS), creou esta iniciativa en 2009 e durante os tres meses que van de ano xa acompañou a 24 persoas no seu proceso de recuperación de responsabilidade e independencia.
O equipo de Érguete traballa con grupos de persoas usuarias a través de sesións individuais e grupais onde se tratan temas de interese relacionados coa saída de prisión incidindo na xestión emocional, manexo das relacións familiares e sociais, recursos sociais e comunitarios, gozar do tempo libre, a práctica do mindfulness e a creación de novas rutina. Ferramentas moi necesarias para adaptarse á sociedade e aos seus cambios dende que se perdeu a liberdade.
“O paso de 2° a 3° grao, momento no que xa están aprobadas as saídas á rúa para realizar distintas actividades, é quizais un dos máis complicados no cumprimento dunha pena. É volver ao medio comunitario e para iso, necesítase coller seguridade e confianza”, explica o equipo de profesionais da Asociación, ademais inciden que na actualidade é aínda máis difícil, xa que “teñen que adaptarse á nova realidade e aos cambios na sociedade e na normativa debido á pandemia”.
As persoas usuarias tamén destacan a “utilidade destas intervencións para mellorar a súa situación” e, por exemplo, os últimos usuarios que participaron nas sesións destacan que “lles axudou moito a adquirir ferramentas para cambiar positivamente as rutinas da súa vida diaria”.
Na Asociación Érguete tamén queren lembrar á sociedade en xeral que a aposta por estes tipos de programas “é moi importante para fomentar cada vez máis o grao de responsabilidade e independencia destas persoas”.