"35 anos de loita polas persoas con problemas de adiccións"

A Asociación Érguete constituíse no 1985 nunha situación moi difícil e na que era moi necesaria. Hoxe, 35 anos despois, as adiccións cambiaron, pero continúan a ser un grave problema na sociedade
A_Asociación_Erguete_cumpre_35_anos

Hoxe, a Asociación Érguete cumpre 35 anos. É o aniversario do inicio dunha loita dunhas nais contra un problema que a sociedade non quería ver. Un 8 de outubro de 1985 estas mulleres, chamadas por algún narcotraficante tolas e terroristas, coa axuda tamén de varios homes, conseguiron profesionalizar e institualizar está loita creando a Asociación a que deron un nome de esperanza e futuro, Érguete.

Dende aquel día as persoas con problemas de adiccións do sur de Pontevedra, e tamén de Galicia, tiveron un lugar onde acudir para preguntar, mellorar, e tamén denunciar as súas situación. Deixaron de ser invisibles grazas aquelas nais que comezaron dende os barrios máis populares e acabaron rompendo barreiras que naquela época parecían imposibles.

Hoxe, 35 anos despois, o legado e o traballo desas nais está en mans dun equipo de 30 profesionais de distintos campos sociais. A Asociación Érguete está presente nas rúas, nos colexios, nos fogares, e tamén con máis esquecidos nas prisións galegas de A Lama e Teixeiro, a través de seis programas de intervención social.

Durante o último ano cerca de 5.000 persoas recibiron axuda a través da Asociación e a gran maioría mellorou a súa situación. Este ano, nun contexto tan complicado como o que vivimos, as cifras seguen un camiño parecido xa que durante o confinamento non se interrompeu por completo a activade, pero as persoas precisan máis axuda ca nunca. Por iso, a presidenta e tamén fundadora da Asociación Érguete, Carmen Avendaño, quere lembrar á sociedade que “nos momentos difíciles nunca podemos esquecer ás persoas. Soamente xuntas e xuntos cunha sociedade saudable e unida poderemos saír mellores das malas situacións”. Avendaño recorda con esta frase, que a unión e as ganas de ter un futuro mellor foi o que fixo que os galegas e galegas alzarán a voz contra o narcotráfico nun momento no que parecía “case imposible”.

Dende a Asociación Érguete tamén queren aproveitar o seu aniversario para lembrar que as adiccións tamén son unha “pandemia que deixa moita vidas atrás”. A coordinadora da entidae e traballadora social, Elvira Rivas, lembra que “estamos nun momento moi importante para fixar como queremos combater as adiccións debido ao contexto da crise sanitaria que vivimos”. Segundn o último Informe Europeo de Drogas os patróns de tráfico de drogas e consumo cambiaron obrigando a que os métodos para intervir e previr tamén “deban adaptarse”, explica Rivas.

“Mellorar e cambiar sempre é posible”, asegura Carmen Avendaño. Sabe que nos momentos que vivimos é moi difícil ser tan optimista, pero pon a Érguete como exemplo. “Se un grupo de nais fomos capaces de mover unha sociedade polos nosos fillos, que non imos facer todos e todas xuntas”, conclúe falando da loita contra as adiccións e tamén do mundo e a sociedade en xeral.

No seu aniversario a Asociación Érguete tamén quere aproveitar para lembrar que nunca camiñou soa. Co apoio imprescindible das institucións, dos organismos privados, e da sociedade en xeral “somos o que somos”, agradece Avendaño.