"A Asociación Érguete acompaña a 22 persoas no seu camiño para recuperarse das adiccións na prisión da Lama"

As sobredoses son a primeira causa de mortalidade nos centros penitenciarios españois

As sobredoses de drogas son a primeira causa de mortalidade nos centros penitenciarios españois. As adiccións son, por tanto, un gran risco entre as persoas privadas de liberdade e, por iso, Institucións Penitenciarias e Asociación Érguete están a poñer en marcha un programa de intervención no módulo ordinario do Centro Penitenciario de A Lama para acompañar a 22 persoas no seu camiño para abandonar as adiccións. 

Un equipo de Érguete está a compartir dende abril sesións grupais cos internos para tratar da maneira máis eficaz as súas situacións. A educadora social do Programa de Integración Social (PFIS) da Asociación Érguete, Ana Vázquez, explica que o traballo con eles “consiste en coñecer os inicios do consumo e o percorrido ata o momento actual para confeccionar o mellor plan para manter a abstinencia”. A experta incide en que “é un proceso moi complicado xa que teñen que mellorar a súa xestión emocional e autoestima nunha situación moi complicada e de alto risco”. 

Dende o equipo PFIS tamén explican que unha das chaves para que as persoas privadas de liberdade fuxan das adiccións “é o establecemento de rutinas e de redes de apoio que os axuden a sobrelevar os peores momentos da abstinencia. En prisión non é doado, pero eles o están a conseguir”, conclúe Vázquez. 

A importancia da xestión emocional

Paralelamente ao abandono das adiccións, as persoas usuarias tamén contaron coa axuda do psicólogo da Asociación Érguete, Rodrigo Alonso, para traballar “a súa xestión emocional e o control de impulsos”. O experto explica que “ a adquisición de competencias emocionais é moi importante para preparar ás persoas privadas de liberdade para a vida lonxe das adiccións e fóra da prisión.