“Aprender a canalizar as emocións é unha habilidade indispensable para as persoas en risco de exclusión”, afirman dende o equipo do programa PFIS da Asociación Érguete. Os e as profesionais que o integran están acostumados a traballar con problemas de conduta, de autocontrol, e de xestión das emocións na súa traxectoria con persoas en
contextos de prisión ou con problemas de adiccións.
A experiencia diaria con estas persoas foi a que lles convenceu de crear dentro do programa o proxecto Benestar: saúde, deporte e tempo libre. Un espazo onde traballar a saúde física e mental das persoas usuarias desenvolvendo as súas habilidades persoais, sociais, e culturais, así como creando un entorno no que se fomente un uso positivo do tempo libre. “Aprender estas técnicas é unha valiosa forma de contrarrestar as tensións, previr o estrés, alcanzar maior nivel de calma e canalizar de maneira positiva os pensamentos”, afirman.
Neste proxecto enmárcase a formación mensual en técnicas de relaxación que comezou nas instalacións da Asociación Érguete esta semana con persoas internas do CIS de Vigo, e usuarios e usuarias das vivendas de apoio ao tratamento da entidade na cidade, espazos adicados a axudar a estas persoas a abandonar o consumo e reactivar a súa vida. Estes talleres traballan con diversas materias como deporte, sexualidade, saúde mental, técnicas de relaxación, medio ambiente..
A través de sesións teóricas e prácticas buscan que estas persoas adquiran ferramentas que “enriquezan o seu día a día”, explican. Para elo, contarán con profesionais externos da entidade que poidan aportar “novas visión e metodoloxías”. Unha destas colaboradoras é a docente Teté Rubio, experta en técnicas respiración e relaxación para xestionar e canalizar de maneira positiva os pensamentos.
Na Asociación Érguete explican que as persoas participantes desfrutaron e aprenderon “moito” con esta actividade, e indican que están “desexando” participar nos próximos talleres e esperan que estes novos talleres axúdeos a mellorar na súa estancia na entidade e na súa vida en xeral.
O programa PFIS está subvencionado pola Xunta de Galicia.