"A Asociación Érguete avisa de que é “case imposible” acceder a unha vivenda para as persoas que superan os seus problemas de adiccións en Vigo"

Moitas persoas usuarias que superan o seu proceso na entidade non atopan vivenda polo seu pasado ou por estar cobrando a Risga

Unha adicción é como unha enfermidade crónica. Curas, pero a súa pantasma sempre vai seguir aí. Nunca hai unha sanación total. Por iso, é moi importante que as persoas que superan os seus problemas de adicción teñan unha vida normalizada cun fogar seguro. Isto en Vigo é “case imposible”. Na Asociación Érguete avisan da gran dificultade que teñen as persoas usuarias que rematan o seu proceso nas vivendas de acollida da entidade para atopar unha nova vivenda. Pásalles como a moitos veciños de Vigo, pero no seu caso é aínda máis difícil. “Se saben que houbo un problema de adicción ou que cobran unha risga xa non lles alugan nada”, explican dende a Asociación.

“Esta situación é moi problemática”, xa que unha persoa que non pode acceder a unha vivenda vai ter máis difícil “atopar un traballo, ter unha rutina saudable e, en definitiva, ter unha vida digna”, explican. Lembran ademais que a vida na rúa pode facerlles moito máis difícil non consumir. Na Asociación Érguete queren denunciar esta situación aproveitando que hoxe é o Día Internacional da Loita contra o Uso Indebido e el Tráfico Ilícito de Drogas. Saben que é a falta de vivenda afecta a toda a sociedade, pero indican que nas persoas en risco de exclusión “a situación é aínda peor”. Consideran que dende as administracións deben crearse máis recursos residenciais para que estas persoas teñan a oportunidade de recuperar esa vida normalizada sen “a ansiedade de estar buscando un teito no que refuxiarse”. 

Na Asociación Érguete teñen tres vivendas nas que residen case 30 persoas ao ano financiadas polo Concello de Vigo e a Xunta de Galicia, pero non é suficiente. Soamente poden estar un ano completo e hai moita demanda. Unha vez saen o mundo non lles axuda nada. “Teñen que loitar contra os estigmas, a falta de recursos e unhas condicións de entrada a un piso (fianza, entrada, aval…) que lles fai imposible acceder a un aluguer.