A presidenta da entidade, Carmen Avendaño, e a coordinadora, Elvira Rivas, participaron nunhas xornadas informativas na Mancomunidade de municipios da comarca estremeña
A Asociación Érguete naceu cando un grupo de nais e as súas familias decidiron unirse para loitar por solucións urxentes á epidemia de adiccións que asolaba aos seus fillos e fillas. Uníronse para poñer cara ao inimigo, á droga e aos narcotraficantes, e para ofrecer unha solución a todas as persoas afectadas. Hoxe, 36 anos despois, a entidade é un referente a nivel nacional no ámbito das adiccións cun equipo de máis de 30 profesionais. Por iso, durante esta semana, a presidenta da entidade, Carmen Avendaño, e a súa coordinadora, Elvira Rivas, compartiron a traxectoria e experiencia de Érguete coa Mancomunidade de municipios de Valle del Jerte (Cáceres) para a posta en marcha dunha asociación contra as adiccións na comarca.
Responsables da Mancomunidade puxéronse en contacto coa Asociación Érguete para que na entidade aportaran a súa experiencia para impulsar un movemento asociativo para loitar contra as adiccións que, “na nosa comarca, están a ser un problema moi importante, xa que carecemos de recursos de proximidade destinados ás persoas con adiccións”.
Carmen Avendaño mostrouse “moi feliz” de poder “contribuír coa nosa experiencia ao nacemento dunha nova asociación”, e afirmou que os movementos asociativos “son esenciais para mellorar a vida das persoas con adiccións e localizar os problemas que, moitas veces, como sociedades invisibilizamos”.
Elvira Rivas tamén aproveitou o acto para agradecer a Mancomunidade de municipios del Valle del Jerte que “se fixaran no noso traballo” e explicou “que os nosos 36 anos de historia, de traballo e experiencia están a disposición de calquera entidade que queira aprender e mellorar ao noso lado”.