"A Asociación Érguete crea canteira co alumnado de integración social do CIFP Portovello de Ourense"

Mozos e mozas da cidade das Burgas coñeceron da man da entidade de Vigo a realidade das persoas con problemas de adiccións

A loita das nais de Érguete e o seu traballo actual, con máis de 6.000 persoas atendidas ao ano, non deixa de inspirar ás novas xeracións do eido social. Hoxe a sede da Asociación recibiu ao alumnado de Integración Social do CIFP Portovello de Ourense para que os mozos e mozas do Ciclo coñeceran de primeira man a realidade que sofren as persoas con problemas de adiccións e as distintas vías coas que Érguete traballa con eles e elas. 

A coordinadora da Asociación, Elvira Rivas, destaca que “ser un exemplo para o alumnado do eido social de toda Galicia é un orgullo”, e explica que “sempre teremos as portas abertas para que as futuras e futuros profesionais coñezan e participen no contexto de intervención que se vive cada día aquí”. 

Rivas tamén subliña a forte aposta que fan dende a Asociación Érguete pola xente nova. Moitas dos e das novas profesionais da entidade son persoas menores de 30 anos que remataron recentemente a súa formación profesional. “Queremos estar conectados coas persoas usuarias de todas as idades, innovar e mellorar coas ideas e os novos mundos que a xente nova trae ao seu lado”, conclúe a coordinadora da Asociación Érguete.

As profesoras do CIFP Portovello, Montse Franqueiro e Andrea Oliveira, tamén agradeceron a Érguete que lles abriran as portas e destacan que elixiron a entidade “porque é un referente en intervención social a nivel Galicia pola súa historia e labor diario, á vez que tamén mostra ao noso alumnado unha saída laboral a súa formación”.