Hai xa máis de 40 anos eu descubrín que o meu fillo, consumía drogas. Non sabía o que era. Busquei e coincidín con outras nais co mesmo problema. Fundamos a Asociación Érguete no 85 e hoxe, 40 anos despois, seguimos aquí.
Deixamos moita dor e despedimos a moita xente polo camiño, pero debemos continuar nesta loita. O problema non rematou coas nosas victorias. Non rematou no Pazo do Ballón ou na Operación Nécora. Non. O problema continúa a estar aí. Os narcotraficantes e o consumo de substancias continúan a matar a nosa mocidade e, ollo, tamén as persoas de maior idade.
Na Asociación Érguete estamos a detectar nestes anos un perfil de consumidor e de persoa afectada que non existía naqueles anos 80. Un novo perfil, a nosa mocidade, que se ve exposta a novas adiccións con e sen sustancia, vendose aumentada tamén a accesibilidade e normalización do consumo entre adolescencia. O consumidor maior, de máis de 50 anos, que vai quedando sen redes de apoio e tamén ten máis problemas de saúde. Falltan recursos para atendelos e poder dar unha resposta social a súa situación. Son máis importantes que nunca.
Os índices de tráfico de drogas están nos rexistros máis altos da súa historia e España e Galicia continúa a ser un punto importante nos seus grandes roteiros e, segundo datos policiais, cerca de 500 grupos criminais operan neste ámbito en España.
Mercar calquera substancia e hoxe moi doado e tamén, contrariamente ao que se adoita pensar, moito máis barato.Tamén hai moita demanda. Isto quere decir que temos un problema como sociedade. Xa estamos a ver un repunte nas cidades galegas o último ano. Coñecemos a varios veciños e veciñas que, por medios de comunicación ou contactando directamente con nós, denunciaban que o problema de consumo de drogas dificultaba a vida no seu barrio. É así, un problema colectivo.
A resposta a este repunte, como aprendemos da nosa loita nos anos 80 e 90, ten que ser tamén dende a política social. A solución non é perseguir e criminalizar a persoa consumidora é axúdala a atopar o seu camiño lonxe das substancias. É apostar pola prevención, ensinar a xente que, coma a nós, as drogras poden escachar vidas, e, sobre todo, esixir aos nosos representantes públicos que actúen dotando de recursos as entidades sociais e, tamén, a xustiza e as forzas de seguridade do estado.
Tamén queremos lembrar que, por exemplo, un dos grandes retos que se están a atopar as nosas persoas usuarias nos últimos anos é un aceso a vivenda. A subida de prezos provocou que moitos deles non poidan ter un lugar seguro no que estar logo de avanzar no seu proceso de saída do consumo.
Na rúa todo é moito máis difícil, sobre todo para as mulleres. Non nos cansamos de lembrar que a muller, ademais de ter un problema de adicción, tamén sufre, na súa gran maioría, difrentes violencias e disciminacións polo feito de ser muller..
Nós seguimos loitando, pero agora é o momento da mocidade. Sigamos!