Na entidade están a crear “un espazo de reflexión para que pais e nais compartan as súas vivencias e adquiran ferramentas que melloren os vínculos afectivos cos menores”
Na adolescencia cada problema pode parecer un mundo. Ás veces, isto provoca que entre pais, nais e fillos se creen fronteiras comunicativas moi difíciles de superar. Esta situación é a que se da en moitas familias con adolescentes con problemas de conduta ou de adicción. Na Asociación Érguete coñecen varios casos e para crear un contexto máis doado para os seus menores usuarios acaban de crear un espazo para ofrecer apoio a estas familias. Durante todo o ano están a organizar varias xuntanzas para que os pais e nais se xunten, compartan as súas vivencias e reflexionen sobre a mellor maneira de percorrer o camiño ao lado dos seus fillos e fillas.
Esta iniciativa da Asociación Érguete nace dende o seu programa PFIS, que atende a menores con problemas de conduta e que están a cumprir algún tipo de medida xudicial, a adolescentes con sancións administrativas por tenencia de cannabis e aqueles que se atopen en situación de desprotección e conflito social. A súa coordinadora, Ana Vázquez, explica que para atender “da mellor maneira” a estes rapaces e rapazas tamén “é imprescindible axudar aos seus pais e nais”. “Camiñar da man das persoas que queren é a mellor vía para mellorar”, destaca.
Durante as primeiras sesións, os pais explicaron que “nos encantou o obradoiro porque vemos cousas que doutro xeito non veríamos”. Unha nai destacou que estas xornadas están “a facerme pensar moito sobre como criei ao meu fillo.Sei que se soubera moitas cousas que agora sei, as cousas poderían ser máis fáciles”. Aínda que o que máis destacaron todos e todas, é que “nesta espazo podemos sentirnos comprendidas” e así a soidade deixa de pesar como unha lousa.
Nas distintas xornadas que se farán ao longo de ano, “queremos que as familias reelaboren a súa historia e adquiran ferramentas para mellorar os vínculos afectivos”, incide a educadora social da Asociación. Van traballar aspectos esenciais como “o apego, a empatía ou a función reflexiva”, para combater as dificultades das familias para lidar coa ansiedade, inestabilidade ou certas desconfianzas difíciles de asumir. Para Vázquez o máis importante é que as familias “recoñezan a súa influencia e tomen conciencia de como as experiencias da infancia inflúen na súa forma actual de coidar”, á vez que teñen en conta a necesidade de “ identificar o estilo de apego co que se vinculan os seus fillos, propoñan respostas axeitadas baseadas no apoio e traballen as proxeccións e expectativas postas nos seus rapaces e rapazas.