Mostra na súa sede case 30 imaxes que realizaron as persoas que residen nas vivendas de acollida que a entidade ten na cidade
A Asociación Érguete presentou hoxe a exposición fotográfica que describe Vigo dende a mirada das súas persoas usuarias. Durante os últimos meses as persoas que residen nas vivendas de acollida que a entidade ten en Vigo percorreron a cidade para describila a través da lente das súas cámaras.
Hoxe a entidade tamén aproveitou para premiar ás gañadoras do certame, Susana Cabadas (1º premio) e José Ameal (2º e 3º premio). Cabadas recibiu o máximo galardón coa fotografía “Amor na terceira idade”, unha instantánea que mostra a unha parella de persoas maiores sentados nun banco. “Cando saquei esa foto pensei no meu avó e n amiña avoa, pasaron toda unha vida xuntos. A vida é moi bonita se se leva con amor e felicidade”, destacou Cabadas.
Por outra banda, José Ameal, recibiu o segundo e terceiro premio coas súas fotos “Máquina do tempo” e “Ausencia”, dúas imaxes cheas de mar e “das memorias da miña infancia e da praia da miña vila”, destacou. Cabadas e Ameal tamén aproveitaron para agradecer ás educadoras sociais das vivendas de Érguete por “sacar adiante este proxecto e permitir mostrar a súa voz artística e realidades a toda a sociedade”.
A educadora social, Andrea Venn, destacou que este proxecto nace para facer que as persoas usuarias “se expresen sen usar palabras e utilizando as cámaras dos seus móbiles”, xa que “é unha maneira moi bonita de deixarlles coñecerse a si mesmos e romper prexuízos que a sociedade ten das persoas con problemas de adiccións”.
A presidenta da Asociación Érguete, Carmen Avendaño, tamén incidiu “na gran calidade das fotografías e do exemplo das persoas usuarias de que todos e todas podemos ser grandes artistas se aplicamos a nosa mirada as nosas vidas”.