"A Asociación Érguete traballa con éxito o autocontrol cos presos de 1º grao de A Lama e Teixeiro"

Esta actividade axúdalles a adaptarse á vida en prisión e a abandonar o réxime de maior illamento do sistema penitenciario

A Asociación Érguete, logo das complicacións derivadas da pandemia, por fin recuperou unha das súas actividades estrela nas prisión de A Lama e Teixeiro: os talleres de autocontrol a través do movemento. Esta actividade enmárcase dentro do programa Auto-T da Asociación, financiado pola Fundación Barrié e a Fundación Roviralta, os e as profesionais da entidade traballan coas persoas en 1º grao a xestión das súas emocións para axúdalos a integrarse no día a día da prisión e, saír así, do réxime de maior illamento do sistema penitenciario, o que os presos chaman de maneira coloquial “a prisión dentro da prisión”. 

O  equpo do Auto-T da Asociación Érguete destaca que “a través de técnicas de psicomotricidade, expresión corporal, psicodrama e relaxación traballamos con internos que traen unha longa historia de dificultades co control de impulsos, violencia e condutas desaxeitadas aos que lles custa moito integrarse no día a día da prisión”. 

“Estamos moi contentos con estes talleres, xa que os internos nos contan que lles axuda a mellorar o seu benestar persoal, a mellorar a súa situación, a coñecerse a eles mesmos e a afrontar a xestión da frustración, o sentimento de culpa e a falta dos seres queridos”, conclúen. Os internos destacan que con estas actividades “sacámonos as cousas malas da cabeza e liberamos o corazón”, e que cando “con esta actividade descubrimos que ata o lobo máis solitario ten corazón”.