Co programa Coñece-Decide búscase protexer aos nenos e nenas das adiccións traballando a súa autonomía, toma de decisións e conciencia
Para un menor dicir non a consumir algún tipo de substancia pode ser difícil. Moitas veces beben ou fuman por primeira vez por presión de grupo. Porque os demais tamén o fan. Esta dinámica é sobre a que traballan a Asociación Érguete e a Deputación de Pontevedra co seu programa Coñece-Decide, que leva por obxectivo o fortalecemento da personalidade do alumnado de primaria dos centros educativos. Durante este curso o equipo de profesionais da entidade viguesa traballou con máis de 100 nenos e nenas de Vigo, Mondariz, Pazos de Borbén e Tui.
O programa deste curso escolar rematou no colexio Divino Salvador. O deputado provincial, Santos Héctor, acompañou aos profesionais da Asociación Érguete na súa intervención co grupo de cuarto de primaria. “Foi unha boa oportunidade para falar con rapaces e rapazas e coñecer o funcionamento do programa”, destacou.
Dende a Asociación Érguete explican que para reforzar a personalidade dos nenos e nenas hai que atender a moitos factores. “Teñen que aprender a reflexionar sobre as súas propias accións e as súas consecuencias, adquirir estratexias para a toma de decisións, practicar a escoita activa, aprender a actuar de xeito asertivo e aprender a dar e recibir de xeito equilibrados nas relacións persoais”, explica a responsable de prevención da Asociación Érguete, Laura Durán.
Futuros traballadores sociais
A través deste programa, Érguete e a Deputación tamén puxeron o foco nos futuros profesionais do eido social. A entidade impartiu varias formacións co alumnado de Integración Social do Colexio Lar para que teñan en conta a importancia de fortalecer a personalidade nos nenos e nenas.