A deputada, Olga García, pechou hoxe o curso de prevención compartindo o obradoiro cos nenos e nenas do CEIP Humberto Juanes de Nigrán
A Asociación Érguete e a Deputación de Pontevedra previron as condutas adictivas en máis de 200 menores e as súas familias durante este ano. A través do programa Coñece – Decide promoveron campañas de reforzo da personalidade en colexios de Cangas, Vigo e Nigrán, así como, en equipos deportivos de Cangas e Pontevedra para que os e as menores aprendan a “dicir que non”.
A coordinadora do programa de prevención da Asociación Érguete, Laura Durán, destaca que “reforzar a personalidade dos pequenos e pequenas é unha das chaves da política de prevención, xa que saber dicir que non é unha ferramenta moi importante para non caer nunha adicción”.
Para traballar o reforzo da personalidade a experta da entidade explica que “traballamos en varios bloques: autocoñecemento, emocións, comunicación, familia, amizade, tempo de ocio e novas tecnoloxías en talleres prácticos no CEIP Lope de Vega (Vigo), CEIP Hío (Cangas), CEIP A Rúa (Cangas) e CEIP Humberto Juanes (Nigrán)”. Durán engade ademais que para completar este programa tamén se incide nas familias cunha serie de reunións para comentar os resultados dos seus fillos e fillas e promover estratexias de actuación na casa.
A deputada de Cohesión Social, Olga García, tamén incidiu na importancia deste programa nunha visita ao último taller do ano no CEIP Humberto Juanes, á vez, que destacou “a estreita colaboración da Deputación e a Asociación para facer políticas de prevención de adiccións eficaces e útiles para os e as menores”.
Tamén no deporte
O programa Coñece-Decide tamén pon o foco nos equipos deportivos, cunha serie de obradoiros que traballa cos menores o reforzo da personalidade a
través do deporte que practican e dos valores que ten asociados. Este ano os e as profesionais da entidade atenderon a máis de 50 menores no CB Cangas de Morrazo e CB Estudiantes de Pontevedra.
Mediadores sociais
A Asociación Érguete e a Deputación tamén sumaron esforzos para formar aos futuros profesionais que estudan Integración Social no Colexio Lar. Durante este ano impartiron un curso para formalos como mediadores sociais, aprendizaxe moi necesario para afrontar os problemas que se atoparán na súa traxectoria profesional.