"A Érguete e Corre abre inscricións"

A carreira pechará o circuíto Run Run do Concello de Vigo o 3 de decembro nun percorrido que inicia e remata na terraza do Vialia

As persoas interesadas en participar na proba solidaria poden inscribirse neste enlace

A carreira solidaria Érguete e Corre, que pechará o Circuíto Run Run 2023 do Concello de Vigo, acaba de abrir inscricións. A proba solidaria, que a Asociación Érguete organiza o 3 de decembro dende a terraza do Centro Comercial Vialia e que percorre Travesía de Vigo e a Senda Verde, será o broche final a un ano cheo de carreiras da mellor maneira. Ademais, en Érguete animan “a todas e todos a sumar quilómetros para axudar ás máis de 6.000 persoas que atendemos cada ano”. Todo os cartos recollidos nas inscricións serán destinados aos programas de intervención da Asociación na cidade de Vigo.

A coordinadora da Asociación Érguete, Elvira Rivas, explica que a sétima edición da Érguete e Corre será unha carreira “accesible, para pequenos e maiores e chea de solidariedade e outras actividades”, e indica que durante a mañá as persoas interesadas poderán elixir se participan na Érguete peques, para nenos e nenas que naceran entre o 2012 e o 2020, na carreira de 10 km, cronometrada e cun custo de 10 euros, na de 5 km, tamén cronometrada e co mesmo prezo, ou na proba en bicicleta, cun custo de 10 euros.  Érguete tamén organiza unha andaina de 5 km para os que prefiran sumar quilómetros “máis paseniño”.

A primeira das probas será a Érguete peques, ás 10.00 horas, as bicis sairán ás 10.55 h, mentres que os e as que participan na carreira ou na andaina terán que estar listo para saír ás 11.00 horas. Paralelamente, “tamén organizamos na terraza do Centro Comercial Vialia actividades de animación para nenos e nenas con talleres de teatro e educación sostible da man de Teatro do Ar e Cooperativa Somos Terra, haberá tamén servizos de fisioterapia gratuítos co equipo de Osteovigo e varias sorpresas e premios máis.