As persoas interesadas en participar na carreira solidaria que se celebra en Vigo o 11 de decembro poden inscribirse neste enlace
A carreira solidaria Érguete e Corre que pechará o Circuíto Run Run 2022 do Concello de Vigo acaba de abrir as inscricións. A proba solidaria que a Asociación Érguete organiza o 11 de decembro dende a terraza do Centro Comercial Vialia e que percorre Travesía de Vigo e a Senda Verde, espera poñer o broche final a un ano cheo de carreiras da mellor maneira, e dende a entidade animan “a todas e todos a sumar quilómetros para axudar ás máis de 5.000 persoas que atendemos cada ano”.
A coordinadora da Asociación Érguete, Elvira Rivas, explica que a quinta edición da Érguete e Corre será unha carreira “accesible, para pequenos e maiores e chea de solidariedade e outras actividades”, e indica que durante a mañá as persoas interesadas poderán elixir se participan na Érguete peques, gratuíta e para nenos e nenas que nacerán logo do 2010, na carreira de 10 km, cronometrada e cun custo de 10 euros, na de 5 km, tamén cronometrada e cun custo de 10 euros, ou na proba en bicicleta, cun custo de 10 euros. Érguete tamén organiza unha andaina de 10 km polo mesmo prezo
A primeira das probas será a Érguete peques, ás 10.00 horas, as bicis sairán ás 10.30 h, mentres que os e as que participan na carreira ou na andaina terán que estar listo para saír ás 11.00 horas. Paralelamente, “tamén organizamos na terraza do Centro Comercial Vialia actividades de animación para nenos e nenas con talleres de teatro e educación sostible da man de Teatro do Ar , Cooperativa Somos Terra e Bonobo, unha clase gratuíta de zumba cos profesionais de MeuFit e servizos de fisioterapia gratuítos co equipo de Vicus Vigo.
Axudar aos que máis o precisan
Coa Érguete e Corre a Asociación quere acadar fondos para continuar mellorando o servizo que ofrece aos máis de 5.000 usuarios que atenden cada ano, ademais de fomentar os beneficios do deporte como método de protección e prevención fronte as adiccións. Parte dos ingresos desta carreira irán destinados a potenciar a actividade Movendo camiños, unha iniciativa coas que usuarios e usuarias da entidade saen adestrar cada semana para deixar atrás as adiccións e superarse a si mesmos durante o seu proceso na entidade.