"A quinta edición da Érguete e Corre pechará o Circuito Run Run 2022 do Concello de Vigo"

O alcalde, Abel Caballero, presentou xunto a Asociación Érguete e os distintos patrocinadores a proba solidaria que se celebra en Vigo o 11 de decembro

A entidade organiza esta proba para potenciar unha iniciativa coa que as súas persoas usuarias adestran cun equipo experto para deixar atrás as adiccións

O alcalde, Abel Caballero, presentou xunto a Asociación Érguete e os dintintos patrocinadores a Érguete e Corre, a proba solidaria que pechará o Circuíto Run Run 2022 do Concello de Vigo o vindeiro 11 de decembro dende a terraza do Centro Comercial, percorrendo Travesía de Vigo e a Senda Verde. 

O rexedor destacou que pechamos un circuíto cunha proba de “gran interés social” e animou as persoas a participar. A coordinadora da Asociación Érguete, Elvira Rivas, tamén lembrou que con esta proba “queremos sumar quilómetros como sociedade para axudar ás máis de 5.000 persoas que atendemos cada ano”.

Riivas, explicou que a quinta edición da Érguete e Corre será unha carreira “accesible, para pequenos e maiores e chea de solidariedade e outras actividades”, e indica que durante a mañá as persoas interesadas poderán elixir se participan na Érguete peques, gratuíta e para nenos e nenas que nacerán logo do 2010, na carreira de 10 km, cronometrada e cun custo de 10 euros, na de 5 km, tamén cronometrada e cun custo de 10 euros, ou na proba en bicicleta, cun custo de 10 euros.  Érguete tamén organiza unha andaina de 10 km polo mesmo prezo

A primeira das probas será a Érguete peques, ás 10.00 horas, as bicis sairán ás 10.30 h, mentres que os e as que participan na carreira ou na andaina terán que estar listo para saír ás 11.00 horas. Paralelamente, “tamén organizamos na terraza do Centro Comercial Vialia actividades de animación para nenos e nenas con talleres de teatro e educación sostible da man de Teatro do Ar , Cooperativa Somos Terra e Bonobo, unha clase gratuíta de zumba cos profesionais de MeuFit e servizos de fisioterapia gratuítos co equipo de Vicus Vigo. 

Kilómetros para deixar atrás as adiccións

Os ingresos desta carreira irán destinados a potenciar a actividade Movendo camiños, unha iniciativa que consiste nun adestramento semanal en Castrelos coas persoas usuarias co obxectivo de introducir o deporte nas súas rutinas diarias.

O coordinador das vivendas de apoio, Javier Alonso, explica que dende setembro un grupo de máis de 20 persoas, que inclúe persoas usuarias e profesionais de Érguete, adestra todos os martes ás 18.30 horas en Castrelos, dando igual “se chove ou se vai moito frío, xa que a constancia e a forza de superación son ferramentas moi útis coas que queremos traballar”.

A coordinadora da Asociación Érguete, Elvira Rivas, incide que outro das grandes beneficios do “Movendo camiños” é que motiva ás persoas usuarias “a ter rutinas e a superar marcas e obxectivos, creando así unha educación no esforzo que lles axuda non momentos malos da loita contra unha adicción, xa que o desexo de consumir vaia compañalos toda a vida e só un gran esforzo evitará a recaída”.