"As entidades solidarias do Calvario érguense contra a violencia de xénero"

A Asociación Érguete e Afaga organizaron esta mañá unha concentración para denunciar que as mulleres en risco de exclusión sofren unha dobre discriminación

As entidades solidarias do barrio do Calvario uníronse este 25 de novembro para denunciar a dobre discriminación que sofren as mulleres en risco de exclusión. Nunha concentración organizada pola Asociación Érguete e Afaga, e a que acudiron Arela, Down Galicia, Asem Galicia, a Fundación Érguete, persoal de Servizos Sociais do Concello de Vigo, e traballadoras da biblioteca Neira Vilas lembrouse a todas as persoas vulnerables que, xa sexa por unha situación de fraxilidade, dependencia ou discapacidade, son dobremente vítimas. 

“A reinserción social para unha muller con condutas adictivas é moito máis difícil que para un home”, explican na Asociación Erguete. “Para elas é moito máis difícil xa que dobremente discriminadas: por ser consumidoras e por ser mulleres. Elas, ademais de aguantar todos os prexuízos que existen na sociedade coas persoas con problemas de adiccións, teñen que loitar e pedir axuda nun sistema “que non está pensado para elas”, inciden.

Na Asociación Arela tamén denunciaron que a feminización da pobreza segue sendo unha realidade; os datos son significativos e preocupantes. A taxa feminina incrementouse un 2.3% no ano 2021 en Galicia, sendo o 22.3% fronte a taxa masculina que é o 21.8%. En especial “hai que sinalar a incidencia desta situación nos fogares monomarentais e todo o que implica e inflúe directamente nos nenos, nenas e adolescentes”. Ademais, destacaron que, en xeral, o risco de pobreza infantil aumenta do 31.1% ata o 34% en Galicia provocando unha forte carga mental nas familias que ademáis de soportar a inxustiza da pobreza, vivencian o complexo que é para os seus fillos e fillas convivir nesta situación.

En Asem Galicia, lembraron que segundo o  Informe do Parlamento Europeo  case o 80 % das mulleres con discapacidade son vítimas de violencia e presentan un risco catro veces maior que o resto das mulleres de sufrir violencia sexual. “As mulleres con discapacidade, o 68 % vive en institucións sociais, están expostas ás violencias de persoas da súa contorna, xa sexa por parte de persoal sanitario, de servizos ou coidadores”, denuncian.

Informes da Organización das Nacións Unidas (ONU, 2018), evidencian  os obstáculos aos que teñen que enfrontarse as mulleres con discapacidade: as dificultades de acceso a un fogar propio e adecuado, o acceso aos servizos de saúde, á educación e a formación profesional, ao mercado laboral…Aínda que estes elementos son compartidos con outros colectivos, ven agudizados no caso das mulleres con discapacidade, debido a que quedan detrás de moitas das desigualdades ás que se enfrontan, o que provoca múltiples situacións de violencia e malos tratos.

Ademais todas as entidades alzaron a súa voz para criticar todo tipo de violencia contra a muller xa que, citando a Jiddu Krishnamurti, “a violencia non é só matar a outro. Hai violencia cando usamos unha palabra denigrante, cando facemos xestos para denigrar a outra persoa, cando obedecemos porque hai medo. A violencia é moita máis sutil, moito máis profunda”.