"As mulleres da prisión de Teixeiro protéxense das recaídas nas adiccións"

A Asociación Érguete, a través do seu programa Mírate, dotou de ferramentas ás internas para non volver caer no consumo

As mulleres da prisión de Teixeiro recibiron durante estes meses unha formación da man da Asociación Érguete para protexerse das recaídas nas adiccións. As educadoras sociais do programa Mírate, que a entidade desenvolve no centro penitenciario, acompañaron dende xaneiro ás internas para dotalas de ferramentas que as axuden a non volver caer no consumo e que faciliten a súa vida en prisión e en liberdade. 

Durante as sesións traballaron “as fontes de autoestima, os efectos do  sexismo e do estigma en relación co crecemento persoal das mulleres. Creando un espazo seguro para falar sobre os seus roles, sentimentos, pensamentos e actitudes ao longo da súa vida”, explican.  

Esta formación está dirixida integramente a mulleres xa que “para elas é moito máis difícil reintegrarse socialmente que para un home”. Isto se debe a que as mulleres sofren unha “dobre discriminación: por ser consumidoras e por ser mulleres”. Elas, ademais de soportar todos os prexuízos que existen na sociedade coas persoas con problemas de adiccións, teñen que loitar e pedir axuda nun sistema “que non está pensado para elas”, afirman na Asociación. 

Por iso, con estes talleres “pretendemos dotar ás mulleres de habilidades para responder ou afrontar de forma exitosa as situacións de risco, favorecendo así a deshabituación e o mantemento da abstinencia”, aumentando así “a autoeficacia á hora de actuar fronte a situacións problemáticas ou de risco”, conclúen na Asociación Érguete.