O confinamento ao que se someteu toda a poboación durante estes últimos meses tamén cambiou a vida en prisión. Alí, as persoas privadas de liberdade deixaron de recibir visitas das súas familias por precaución e perderon así a súa conexión co mundo exterior e cos que están fóra. O confinamento é total. Neste contexto, as mulleres privadas de liberdade na prisión de A Lama viven estes momentos “tranquilas coa situación que lles tocou vivir e sen deixar de loitar para mellorar o seu futuro”, explica a coordinadora do programa Mírate da Asociación Érguete na prisión, Andrea Pérez.
No programa que coordina Andrea Pérez traballan coas mulleres para mellorar a súa situación dentro, e tamén fóra, para cando terminen a súa condena. Reciben un acompañamento e asesoramento laboral e formativo, así como psicolóxico, para traballar a autoestima e a igualdade. O eixo do programa xira en torno ás intervencións presenciais, pero durante estes meses coa prohibición das visitas foi “imposible estar con elas”, polo que na Asociación Érguete “reinventamonos para non perder o contacto e estar aí sempre; sexa por carta, por mediación do equipo do Centro Penitenciario…”.
A vida que teñen que afrontar estas mulleres é difícil, pero “elas nunca se renden”, explica Andrea. Leva anos traballando con elas en A Lama e non dubida de que “todos e todas deberíamos coller o seu exemplo de superación para mirar o futuro con optimismo. Seguro que axudaría moito nesta situación que nos tocou vivir”.
Dende a Asociación Érguete tamén inciden en que as experiencias tan duras que vivimos estes días nos deben a axudar a ver as persoas e o que podemos aprender delas porque “estou segura que se deixamos os prexuízos de lado, podemos aprender moito escoitando as historias das mulleres privadas de liberdade”, reflexiona a coordinadora do programa da Asociación Érguete.