"As persoas usuarias da Asociación Érguete mergúllanse na natureza de Vigo"

A entidade desenvolve varios proxectos nos espazos verdes da cidade para mostrar “que con esforzo todos e todas podemos contribuír a crear un mundo mellor”

A Asociación Érguete está a apostar durante os últimos anos en acercar ás persoas usuarias á natureza de Vigo. Están a realizan varios proxectos nos espazos verdes da cidade para mostrarlles que “con esforzo todos e todas podemos contribuír a crear un mundo mellor e que mergullarse na natureza pode ser unha actividade de ocio e uso do tempo libre que aporta moito pracer”.

A entidade forma parte do Proxecto Ríos de ADEGA e ten adoptado un espazo do río Lagares para que as persoas usuarias poidan observalo e coidalo nas distintas estacións do ano. “Con esta iniciativa facemos que todos e todas poidan traballar e axudar aos seus veciños e veciñas ao tempo que continúan loitando para mellorar persoalmente. 

Todos os datos que recollen as persoas usuarias  son analizados en común coa entidade ecoloxista e entregados para que se sumen no Informe Anual sobre Ríos do Estado. 

Fotógrafos da natureza

Na Asociación tamén teñen como obxectivo que as persoas usuarias transmitan á sociedade a súa mirada particular da natureza. Por iso e coa axuda do fotógrafo, Julio Eiroa de Natureandphoto.com, sacaron ás cámaras non seus paseos polo río Lagares para inmortalizar momentos e sensacións con imaxes. Estas fotografías expóñense cada martes e xoves nas distintas redes sociais da entidade. 

As persoas usuarias destacan que estas actividades están “moi ben”, xa que lles axudan “a deixar de pensar nas súas cousas por momentos”, e a aprender que o entorno que nos rodea “ten moito valor e debemos coidalo”. “Agora vemos as cousas doutra maneira”, afirman. Explican que nunca antes se pararan a contemplar a beleza e a riqueza que agocha a nosa contorna e animan “a todos e a todas a poñer as súas miradas na nosa natureza”.