Baixo o título Sabía que vendrías amosan as sensacións que “temos os que loitamos por integrarnos na sociedade”
As persoas usuarias da Asociación Érguete atravesaron onte a alfombra vermella do FICBUEU para estrear a súa curtametraxe: Sabía que vendrías. Unha historia de mulleres, de nómades e de persoas que queren volver ao fogar e recuperar o seu oco na sociedade. A protagonista é unha muller que volve a Vigo logo de moitos anos. A cidade, a súa contorna e ela cambiaron. Nada é igual. E ese proceso de reintegración na sociedade é un desafío que “ben coñecemos os que loitamos para atopar o noso espazo”, explican os e as creadoras da curtametraxe.
Sabía que vendrías ten na súa xénese en moitas testemuñas das persoas que viven nas vivendas de acollida que a Asociación Érguete ten en Vigo. Eles e elas pasan os días en compañía dun equipo de profesionais da entidade e loitan cada día para poder integrarse na sociedade de maneira normalizada e deixar atrás así as súas adiccións e problemas de conduta. Son como a protagonista da súa historia, “persoas que queremos mellorar”, e que “queremos que a sociedade que nos rodea poida entendernos”.
O coordinador do programa de Vivendas, Javier Alonso, destaca que esta a participación no FICBUEU é “gran oportunidade para que descubran alternativas de ocio e transmitan as súas inquedanzas a través da arte”, e incide que participar en este tipo de proxectos axúdaos “a comprender que traballando e sendo eles mesmos poden integrarse da mellor maneira no día a día da sociedade”
Alonso tamén quere agradecer ao equipo do FICBUEU pola oportunidade, ás actrices Arantxa Treus y Rocío Romero, que traballaron na curtametraxe de maneira desinteresada e a Obra Social La Caixa polo seu soporte económico. Ademais destaca que “para nós foi unha honra estar presentes na xornada inaugural do festival e compartir a gran pantalla coa curtametraxe da Asociación Juan XXIII de Cangas.