"Asociación Érguete e Deputación ofrecen en Pontevedra unha formación gratuíta sobre o consumo de cannabis na mocidade"

A actividade será este xoves 13 de maio no salón de actos do ente provincial en dúas tandas, de 11.00 a 12.30 e de 17 a 18.30 horas, e presentará o programa ADOS, que ofrece unha alternativa educativa aos menores con sancións administrativas relacionadas con esta droga

O cannabis é a droga ilegal máis consumida durante a adolescencia. É unha substancia que pode ter especial incidencia nos seus procesos cognitivos, xa que o cerebro aínda está en desenvolvemento. Por este motivo, o programa de Prevención da Asociación Érguete insiste en formar as familias e aos menores dos perigos desta droga e, tamén, en darlles unha alternativa a través do seu Programa ADOS a todos os menores que foron sancionados por consumir ou ter cannabis. É dicir, este servizo permite substituír a multa a cambio de comezar a asistir ao servizo que ofrece a Asociación Érguete para axudar aos menores a deixar de consumir. Este programa será presentado en Pontevedra este xoves no salón de actos da Deputación en dúas tandas, de 11.00 a 12.30 e de 17.00 a 18.30 horas.

 

A responsable de Prevención da Asociación Érguete, Noelia Romero, explica que con este programa pretenden “dar unha resposta socioeducativa a este problema social. Facilitamos información sobre as consecuencias derivadas do uso e abuso de drogas, modificando estereotipos sociais e culturais, e, tamén, facilitamos estratexias educativas que favorezan estilos de vida máis saudables para motivar a prevención de condutas de risco”. Ademais, insiste en que o programa xa atendeu a decenas de menores da provincia e que ofrece aos adolescentes e as súas familias un lugar seguro e libre de prexuízos para tratar a problemática. 

Na Asociación Érguete lembran que os delitos máis frecuentes relacionados co cannabis son os que se cometen debido aos efectos da substancia: “Non podemos obviar a importancia de que unha persoa teña o seu primeiro contacto coa lei durante a adolescencia”, continúa Romero, que lembra que no momento en que a familia recibe a primeira notificación da sanción administrativa, pode comezar no programa ADOS da Asociación Érguete.

A charla de Pontevedra busca dar a coñecer entre as familias do municipio un servizo público, financiado pola Deputación de Pontevedra, ao que poden acceder chamando ao 986.250.240  ou escribindo un correo a prevencion@asociacionerguete.org