"Asociación Érguete e FICBUEU rodan xuntos unha curtametraxe"

A actividade forma parte da Área Social FICBUEU e trátase dun proxecto conxunto no que se leva traballando dende outubro

A Asociación Érguete e a Asociación FICBUEU gravaron unha curtametraxe con seis persoas usuarias en diversas localizacións da cidade de Vigo, como son O Calvario, a Gran Vía e o Parque do Castro.

Na filmación participaron ata seis integrantes do programa de ‘Vivendas de apoio ao tratamento’ da Asociación Érguete, que levan traballando no Obradoiro de Curtametraxe do FICBUEU dende o pasado mes de outubro grazas ao apoio da Obra Social LaCaixa. Deste xeito, o proceso de creación do proxecto comenzou hai cinco meses mediante o citado obradoiro, onde se ensina a realizar pezas profesionais explicando e traballando todas as etapas da creación dunha curtametraxe.

Así, os asistentes aprenderon o proceso desde a creación da idea e a estruturación do guión, ás tarefas de pre-produción (como procurar permisos, localizacións ou contactar coas actrices e cos actores), a rodaxe e rematando coa etapa de post-produción, coa montaxe final da curtametraxe.

Froito de todo o traballo realizado ata o momento, creouse unha historia de ficción que se desenvolve na curta e que trata de reflectir as sensacións daquelas persoas que loitan por integrarse na sociedade a través da súa protagonista, unha muller que volta á súa cidade natal tras un longo periodo afastada dela.

Esta iniciativa achega o cinema como ferramenta de expresión, o que se traduce nunha experiencia moi positiva para todas e todos os participantes. Así o explica o coordinador do programa de Érguete, Javier Alonso, que destaca que a actividade “permite as nosas persoas usuarias descubrir alternativas de ocio e ensinar a transmitir as súas inquedanzas a través da arte”.