Os programas de intervención directa da entidade tamén detectan casos de adicción ao alcol, á heroína e a fármacos
O 83 % dos usuarios consumiron por primeira vez antes dos 18 anos
A Asociación Érguete leva un rexistro moi detallado dos perfís de consumo de cada unha das persoas usuarias que pasan cada día pola entidade. A través do seu Servizo Socio-Xurídico, co que as persoas en risco de exclusión poden acceder a asesoramento xurídico gratuíto de avogados, e co programa de Vivendas, no que persoas con adiccións traballan para recuperar o seu espazo na sociedade vivindo nos tres pisos que a entidade ten en Vigo, pode crear un esquema con certo detalle dos principais perfís de consumo actuais que indica que a cocaína e o cannabis son as substancias máis consumidas.
A coordinadora da Asociación, Elvira Rivas, explica que “un 33 % das nosas persoas usuarias presentaron unha conduta adictiva coa cocaína, mentres que un 25 % tíñaa co cannabis” e incide en que “os datos non nos sorprenden, xa que na maioría de enquisas son as substancias ilegais con máis consumidores”. Tamén engade que os problemas de adiccións ao alcol son moi elevados, un 26 %, mesmo porcentaxe que a heroína, a droga que puxo en pé de loita as nais fundadoras de Érguete.
Outro datos do que queren falar na Asociación é a crecente adicción aos fármacos, sobre todo, ansiolíticos e antidepresivos, que ten unha especial relevancia entre as mulleres usuarias. Un 18 % das residentes nas vivendas de acollida presentaron durante o ano pasado unha dependencia a estas substancias. “É unha dinámica habitual na sociedade actual, cada vez máis dependente destas pastillas para aguantar o ritmo de vida que se nos esixe”, explica Rivas, mentres incide “na importancia de poñer especial atención en mellorar os recursos e profesionais da saúde mental no noso sistema sanitario”.
O consumo temperán é outro dos factores relevante entre as persoas con adicción e os datos que presenta a Asociación Érguete así o constata. O 83 % das persoas usuarias consumiron por primeira vez antes dos 18 anos, dos cales, un 30 % cometeu o seu primeiro delito antes dos 19.
Na entidade explican que estes datos son “moi importantes” para “programar os nosos plans de intervención e para crear as campañas de prevención cos e cas menores”. Tamén queren indicar que “a situación non é peor que noutros anos, pero que aínda hai moitos deberes por facer”.