"Dez persoas do CIS de Vigo aprenden a relaxar corpo e mente na Asociación Érguete"

Comprender e canalizar as emocións son ferramentas moi importantes para axudar as persoas que saen da prisión a vivir en liberdade

“Aprender a canalizar as emocións é unha habilidade indispensable para as persoas en risco de exclusión”, afirman dende o equipo do programa PFIS da Asociación Érguete. Os e as profesionais que o integran están acostumados a traballar con problemas de conduta, de autocontrol, e de xestión das emocións na súa traxectoria con persoas en contextos de prisión ou con problemas de adiccións. 

Para dotar destas ferramentas ás súas persoas usuarias, o equipo de Érguete puxo en marcha durante esta semana un taller para que dez persoas en réxime de 3º grao no Centro de Inserción Social de Vigo Carmen Avendaño aprendan a meditar, relaxarse e acadar as ferramentas necesarias para que o seu día a día mellore. Dende o PFIS explican que este taller axúdaos “a reducir o estigma, a vergoña, os reproches e a culpa que experimentan normalmente as persoas con condutas adictivas ou que están rematando a súa condena en prisión”, ao tempo que aprenden técnicas “que poden utilizar para afrontar mellor os momentos de maior tensión”. 

Para a realización deste taller o equipo da Asociación Érguete contou co apoio da experta e profesora, Teté Rubio, que destacou “a gran disposición das persoas usuarias para mellorar”, e afirmou que “prácticas como a meditación, o adestramento e a relaxación son ferramentas das que todos e todas podemos botar man para afrontar situacións complicadas”. 

Os usuarios e usuarias que participaron tamén quixeron destacar “este tipo de actividades como un lugar onde aprender cousas novas e mellorar” e afirmaron que lles gustaría repetir a experiencia en breve. 

O programa PFIS está subvencionado pola Xunta de Galicia.