A proba da Asociación Érguete pechará o circuíto Run Run do Concello de Vigo o 3 de decembro nun percorrido que inicia e remata na terraza do Vialia
As persoas interesadas en participar na proba solidaria poden inscribirse neste enlace
A carreira solidaria Érguete e Corre, que pechará o Circuíto Run Run 2023 do Concello de Vigo, ten o obxectivo de mellorar a vida das máis de 6.000 persoas que atende a Asociación Érguete cada ano. A proba solidaria, que a entidade organiza o 3 de decembro dende a terraza do Centro Comercial Vialia e que percorre Travesía de Vigo e a Senda Verde, foi presentada hoxe no Concello de Vigo e será o broche final a un ano cheo de carreiras.
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, destacou hoxe que “esta proba deportiva ten unha dose de solidariedade moi importante” e incidiu en que “é moi importante que todo Vigo se sume a esta proba”. Ademais, tamén aproveitou para agradecer á Asociación o seu traballo diario polas persoas con problemas de adiccións.
Teatro e bolsas de tela
A coordinadora da Asociación Érguete, Elvira Rivas, explicou hoxe que este ano “queremos destinar todo os recursos a dous proxectos que nos fan moita ilusión”. Un está baseado na mellora da xestión emocional das persoas usuarias a través do teatro. Na Asociación Érguete “confiamos na arte como medio para mellorar as nosas vida e queremos continuar a introducir o teatro no noso plan. Este ano probamos en dous programas e estamos moi contentas co resultado”, explicou Elvira.
O outro proxecto é un que converte ás persoas que viven nas vivendas de acollida de Érguete en Vigo en deseñadores de roupa. “Unimos forzas co colectivo La Canalla para reciclar lonas e convertilas en bolsas únicas para levar pola rúa”, explica Rivas. Este ano xa fixeron algunhas e “son preciosas”. Desta maneira, ademais de formar ás persoas usuarias nunha nova disciplina laboral, tamén se lles mostra que os seus esforzos son valorados pola sociedade.
Un percorrido accesible
A sétima edición da Érguete e Corre será unha carreira “accesible para pequenos e maiores e chea de solidariedade e outras actividades”. Elvira Rivas indica que durante a mañá as persoas interesadas poderán elixir se participan na Érguete peques, para nenos e nenas que naceran entre o 2012 e o 2020, na carreira de 10 km, cronometrada e cun custo de 10 euros, na de 5 km, tamén cronometrada e co mesmo prezo, ou na proba en bicicleta, cun custo de 10 euros. Érguete tamén organiza unha andaina de 5 km para os que prefiran sumar quilómetros “máis paseniño”.
A primeira das probas será a Érguete peques, ás 10.00 horas, as bicis sairán ás 10.55 h, mentres que os e as que participan na carreira ou na andaina terán que estar listo para saír ás 11.00 horas. Paralelamente, “tamén organizamos na terraza do Centro Comercial Vialia actividades de animación para nenos e nenas con talleres de teatro e educación sostible da man de Teatro do Ar e Cooperativa Somos Terra, haberá tamén servizos de fisioterapia gratuítos co equipo de Osteovigo e varias sorpresas máis.