Ningún colectivo escapa da pandemia. Nin os que están máis illados. A crise do coronavirus afecta de maneira directa ou indirecta a todos e a todas, e as persoas internadas en prisión non son unha excepción. Durante o confinamento as visitas estaban prohibidas, e agora dependen de como avance a situación. “Isto aféctalles moito psicoloxicamente”, explica o psicólogo da Asociación Érguete, Rodrigo Alonso, un dos encargados de ofrecer atención socioeducativa aos presos de primeiro grao da prisión de Teixeiro, un réxime pechado e de illamento coñecido coloquialmente como “a prisión dentro da prisión”.
No que vai de 2020 a Asociación Érguete, a través do seu programa Auto-T, ofreceu atención socioeducativa a 47 presos de primeiro grao nas prisións de A Lama e Teixeiro. O obxectivo destas actividades é “mellorar a vida e a integración destas persoas na prisión”, pero segundo Alonso este ano tamén “temos que traballar moito para axudar a combater os retos que nos impón a pandemia como a preocupación polos seres queridos, a falta de visitas…”. Este tipo de traballo precisa un seguimento que, “por sorte, este ano podemos facer de maneira semanal”, alégrase o psicólogo facendo mención á renovación do convenio que a Asociación Érguete firmou o mes pasado coa Fundación Barrié, coa Fundación Roviralta e con Institucións Penitenciarias.
O psicólogo de Érguete quere lembrar que a pandemia debe demostrarnos que a saúde de “todos e todas importa e isto, por suposto, tamén inclúe ás persoas privadas de liberdade, estean en primeiro, segundo ou terceiro grao”. O experto lembra que a sociedade moitas veces esquece a este colectivo e reivindica que “eles e elas tamén son persoas con dereito a unha segunda oportunidade e que para elo precisan axuda”. Alonso conclúe lembrando que “á saúde mental e tan importante como a física”, para unhas persoas que comparten un perfil de inicio de consumo de drogas a idades moi temperás e con longas condeas en prisión.