"Fillas de Cassandra e A Banda da Loba encabezan o cartel da gala homenaxe ás nais da Asociación Érgueete o xoves 9 de outubro no Teatro Afundación"

A entidade organiza unha gran ceremonia para festexar o 40 aniversario do inicio da súa loita na que tamén participarán Arantxa Treus, Xosé Antonio Touriñán, Carlos Blanco, a escola Media Punta, Sofía Gaona, Sara Balboa e as pandereteiras Ledicia de Trasmañó

Abrimos unha campaña solidaria para que todo mundo poida axudar a facer esta homenaxe co que poida

As nais da Asociación Érguete comezaron a súa loita en outubro do 1985. Eran todas mulleres humildes, que non sabían o que lle estaba a pasar cos seus fillos, pero que querían rachar co silencio, coa soidade e coa impotencia. Elas, tamén algún homes, xuntáronse para cambiar toda unha sociedade e hoxe, 40 anos despois, o seu legado e historia viva de Galicia. Por iso, a Asociación Érguete brindaralles en colaboración coa Afundación unha gran homenaxe no Teatro Afundación de Vigo o vindeiro xoves 9 de outubro ás 20.00 horas. “É o que merecen. O que moitas non puideron disfrutar tras anos e anos de loita. Queremos que a sociedade galega poida agradecerlles todo o que fixeron cun gran aplauso”, indica a vicepresidenta da asociación, Sonia Fernández.

A gala estará conducida por Xosé Antonito Touriñán, Carlos Blanco e Arantxa Treus, que destacou hoxe que para ela é un orgullo poder participar nesta homenaxe a unhas nais que salvaron vidas. Ademais, durante a celebración no Teatro Afundación tamén actuarán Fillas de Cassandra, A Banda da Loba, a academia Media Punta, Sofía Gaona, Sara Balboa e as pandereteiras de Ledicia de Trasmañó. Ademais, haberá espazo para que as nais de Érguete conten a súa loita ao público e que as persoas usuarias da Asociación, que atende a 8.000 persoas cada ano, poidan mostrar a súa voz a través de distintas expresións artísticas que están preparando. Abrimos unha campaña solidaria para que todo mundo poida axudar a facer esta homenaxe co que poida

Na ceremonia tamén haberá un momento especial para agradecer a todas as nais, traballadores e persoas usuarias que xa non están. A todas esas persoas que fixeron de Érguete o que é hoxe e que, tamén, loitaron contra o narcotráfico.

Dora Carrera e Elvira Vázquez, ambas dúas nais fundadoras da asociación, lembraron hoxe a todas as compañeiras que xa non están e sentíronse afortunadas de compartir a loita con mulleres como Carmen Avendaño, “a nosa chave mestra”, Tonina, Mari Graña, Asunción e tantas outras. Nunca pensaran que ían mover a tanta xente, que recibirían unha homenaxe tantos anos despois da súa loita e queren agradecer de corazón todas as mostras de cariño que están recibindo este ano.

A coordinadora de Sedes e Centros de Afundación, Cristina Iglesias, lembrou que desde Afundación Obra Social Abanca “querémonos sumar a esta gala poñendo a súa disposición este magnífico teatro que leva máis de 41 anos ao servicio da cidade”. Ademais de dar os parabéns as nais de Érguete e a toda a asociación lembrou que Afundación ten o obxectivo de deixar unha fonda pegada social na sociedade na que vive.

A Asociación Érguete tamén quere agradecer Afundación por abrir as súas portas e a Consellería de Política Social e Igualdade por apoiar este evento e outras actividades do 40 aniversario.