"Mozos e mozas do Colexio Lar crean vídeos para previr as adiccións e o ciberacoso xunto a Asociación Érguete"

O alumnado do curso de Integración Social participará coas súas creacións no programa de prevención da entidade

O alumando do 2º curso de Integración Social do Colexio Lar xunto a Asociación Érguete presentaron hoxe unha colección de once vídeos para previr as adiccións e o ciberacoso entre as persoas menores. Os mozos e mozas traballaron no proxecto durante un ano e agora os seus traballos formarán parte do programa preventivo da entidade cos menores da cidade de Vigo e dos concellos de toda a provincia de Pontevedra. 

“Queremos ser profesionais do eido social”, destacou a alumna de Integración Social, Laura Rocha. A vocación e a ilusión de cambiar o mundo que lles rodea é o motor detrás deste proxecto que nace como unha idea que partiu das clases da súa profesora, Alba Moraña, e do curso de mediadores en prevención de adiccións que imparte a coordinadora de prevención na área de Vigo da Asociación Érguete, Marta Lloves. 

Os once vídeos, todos baseados en distintos aspectos que “nos afectan como mozos e mozas e no que queremos retratar os nove tipos de violencia entre as persoas e destacar o deporte como ferramenta de protección fronte as adiccións”, subliñou o alumno, Óscar Domínguez, teñen o obxectivo de “concienciar, de axudar e de aportar o noso gran de area a facer unha sociedade mellor”. 

A presidenta da Asociación Érguete, Carmen Avendaño, transmitiu “os seus máis fortes parabéns aos mozos e mozas”, e lembroulles que “eles son o futuro e que xa lles pode deixar a responsabilidade nas mans”. “Con estes vídeos podedes romper o voso anonimato e aproveitar que sodes unha xuventude moi formada para dar visibilidade a estas problemáticas”. 

Esteban Riobó, outro dos alumnos detrás do proxecto, explicou que “estamos moi contentos co resultado do traballo”, e indicou que no proceso de creación destes vídeos entrevistaron a persoas con adiccións ao alcol, aos videoxogos e que sufriran ciberacoso ou sextorsión. “Ver as súas realidades ensinounos historias invisibilizadas e que debemos tratar de difundir para axudar a previr estes problemas entre nós”. 

“Con este traballo mostrades que a xente nova non está ben representada por esa imaxe negativa que moitas veces dan de vós. Estou segura que estes vídeos que hoxe presentades axudaran a moitos e moitas mozas”, concluíu Marta Lloves.