"“O amor na terceira idade” gaña o concurso de fotografía das vivendas de acollida da Asociación Érguete"

“Máquina do tempo” quedou segunda e “Ausencia” foi terceira

O concurso de fotografía que a Asociación Érguete realizou coas persoas usuarias das vivendas de acollida da entidade en Vigo xa ten gañadora. A obra máis recoñecida foi “O amor na terceira idade”, logo de acadar 76 gústame no Instagram de Érguete, a segunda foi “Máquina do tempo” con 62 e “Ausencia”con 43. 

A idea deste concurso nace da iniciativa da educadora social da Asociación Érguete, Andrea Venn, para acompañar ás persoas usuarias na súa busca de novos elementos de expresión e para rachar prexuízos na sociedade. “As persoas que están nun proceso de recuperación de adiccións son un colectivo moi xulgado, sobre todo polo descoñecemento do seu proceso e dificultades, e diana de moitos prexuízos”, explica a educadora que os acompaña nestas vivendas no seu camiño para abandonar as substancias e incorporarse de novo á vida diaria e normalizada. 

Cada fotografía vai acompañada dunha descrición que relata as intencións que hai detrás da imaxe.Desta maneira, en palabras de Andrea Venn, “podemos ver un cachiño de cada un e do proceso que levan dentro. Son a ventá a todos eles”, na que poderemos ver como utilizan a arte como unha vía de escape “da súa rutina para falar de algo máis alá, algo que vai con eles e precisan expresar”.