Os adolescentes usuarios do Programa de Formación e Integración Social (PFIS) da Asociación Érguete comezaron unha actividade para reflexionar sobre xénero e desigualdade que se prolongará ata o mes de xullo. “Queremos acompañarlles no seu proceso para que entendan este o proceso de construción do xénero como temática transversal no programa”, explican dende a entidade.
A través de cinco sesións os rapaces falarán dos roles de xénero e estereotipos, masculinidade, violencia, relacións de parella e sexualidade a través de diversas actividades e dinámicas de grupo para que “desenvolvan un pensamento crítico”.
En Érguete queren lembrar que esta actividade está integrada soamente por rapaces porque consideran que é “importante a intervención diferenciada con homes e mulleres”, para traballar diversos aspectos. “A desigualdade e discriminación de xénero están presentes en todos os campos da sociedade e só a educación pode cambiala”, reclaman as persoas profesionais detrás do PFIS.
Esta actividade e o programa están subvencionados pola Xunta de Galicia a través da Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo.