"Persoas usuarias da Asociación Érguete suman quilómetros para deixar as adiccións"

Saen a correr cada semana xunto ao personal da entidade para facer do deporte un aliado no seu camiño

O deporte pode ser un gran aliado para deixar atrás as adiccións. Na Asociación Érguete están convencidos de que establecer rutinas con exercicios convértese nun dos cambios chave para ter unha vida máis saudable. Por iso, acaban de retomar a súa innovadora actividade “Movendo camiños”, que consiste nun adestramento semanal en Castrelos coas súas persoas usuarias co obxectivo de introducir o deporte na súas rutinas diarias,e que participen na carreira Érguete e Corre que a Asociación organiza na terraza do Centro Comercial Vialia o día 11 de decembro. 

O coordinador das vivendas de apoio, Javier Alonso, explica que dende esta semana un grupo de 15-20 persoas, que inclúe persoas usuarias e profesionais de Érguete, adestrará todos os martes ás 18.30 horas en Castrelos, dando igual “se chove ou se vai moito frío, xa que a constancia e a forza de superación son ferramentas moi útis coas que queremos traballar”. Ademais, Alonso tamén destaca que o exercicio ten “grandes beneficios psicolóxicos, xa que xera unha sensación de benestar que lles axuda a liberar tensión funcionando como un potente antidepresivo”. 

Crear novos contextos

A coordinadora da Asociación Érguete, Elvira Rivas, incide que outro das grandes beneficios do “Movendo camiños” é que motiva ás persoas usuarias “a ter rutinas e a superar marcas e obxectivos, creando así unha educación no esforzo que lles axuda non momentos malos da loita contra unha adicción, xa que o desexo de consumir vai acompañalos toda a vida e só un gran esforzo evitará a recaída”. 

Rivas tamén destaca que con “Movendo camiños” “tamén o pasamos moi ben e podemos relacionarnos cos usuarios e usuarias en contextos novos”, e lembra que este adestramento rematará en decembro coa V edición da carreira Érguete e Corre, a proba coa que a Asociación celebrará o seu traballo diario e coa que o Concello de Vigo pechará o seu Circuíto Run Run 2022.