A condución baixo os efectos do alcol e das drogas esta detrás do 45 % das mortes nas estradas españolas segundo os útlimos datos da Dirección General de Tráfico relativos a 2019. Para tratar de localizar e combatir mellor esta problemática a DGT financiou o informe RiskMent, adiantado polo diario El País, no que por primeira vez se identifican os tramos concretos de maior risco en todo o Estado.
O mapa resultante mostra que Vigo e a súa área metropolitana rexistran ata 30 puntos de risco medio e alto de accidentes por alcol e drogas. Para fixar estes tramos, os responsables do estudo tiveron en conta moitas variables que van dende os factores ambientais (distintos tipos de locais de ocio na zona), o entorno (lonxitude do tramo e patróns de accidentes) e personais (perfiles de ocupantes, acompañantes…).
Os tramos de risco alto está centrado na Autopista do Atlántico, ao seu paso por Teis, Chapela e por Tui, na estrada do acceso ao CUVI (PO – 2005), ou na estrada que conecta Tirón e Moaña (PO – 551). Os puntos de risco medio son máis e están máis distribuídos. En Vigo destaca a avenida Ricardo Mella, no Val Miñor hai 5 puntos máis entre Baiona, Nigrán e Gondomar, e O Porriño concentra tamén os puntos na A – 52.
A pedagoga da Asociación Érguete, María Novelle, conta con anos de experiencia no traballo de prevención do consumo de adiccións e traballa como técnica do programa “Cambio de Sentido” de concienciación nas autoescolas en O Morrazo e Redondela. Baseándose na súa traxectoria considera que debemos tratar de “mellorar estes datos apostando pola información sobre drogas e alcol aos condutores”. Para Novelle son varios os puntos que se deben abordar, explica que no seu traballo nas autoescolas observa que os rapaces e rapazas non teñen suficiente información sobre os efectos das drogas e de que como afectan a capacidade de condución. “É algo que pasa sempre, non perciben o alcol como droga nin teñen en conta as súas repercusións. Isto é un problema grande que debemos corrixir. É verdade que se está facendo, pero vai pouco a pouco e temos moito que traballar”, explica.
Outro aspecto no que incide a experta e que tamén considera unhas das causas de que Galicia sexa das autonomías con máis tramos de risco é a “falta dun transporte público eficaz”. Novelle opina que se as conexións entre vilas e cidades melloraran os accidentes tamén se reducirían. “Entender e traballar nestes campos tamén son políticas de prevención”, conclúe.