"Rompemos as regras para desmitificar a relación entre as drogas e o sexo entre adolescentes"

O Concello de Moaña organiza xunto a Asociación Érguete talleres de educación sexual e prevención de drogas nos dous institutos do municipio

O Concello de Moaña continúa a apostar pola prevención de riscos nas relacións entre os mozos e mozas do concello. A concelleira de Servizos Sociais, María Ortega, destacou “que queremos que crezan sans e que descubran o mundo coa suficiente información para previr riscos”, ao abeiro da presentación duns innovadores obradoiros que o Goberno municipal vai por en marcha xunto a Asociación Érguete para romper visión romántica que existe a nivel social da suma de sexualidade máis adiccións “ 

“Con estes obradoiros queremos romper as regras dos talleres convencionais, para facilitar a todo o alumnado asistente un lugar seguro e cómodo onde falar de sexualidade”, destaca a concelleira, ao tempo que incidide en que desmitificar a relación entre sexo e drogas “é moi importante, xa que moita rapazada pensa que beber moito alcol ou tomar drogas son as únicas maneiras de ligar e ter encontros sexuais”. 

A coordinadora do servizo de Prevención da Asociación Érguete, Laura Durán, incide que nestes obradoiros que se celebrarán no IES As Barxas e no IES A Paralaia co alumnado de Bacharelato “ofreceremos información precisa sobre o papel que xogan as drogas nas relacións sexuais desde unha perspectiva de xénero, á vez que analizamos as crenzas erróneas do alumnado sobre os efectos das substancias nas relacións sexuais e informaremos sobre os riscos que conlevan determinadas prácticas como o chemsex ou slamming”. 

Relacións en igualdade

Outro dos grandes obxectivos destes obradoiros é acompañar e dotar de ferramentas á mocidade cara unhas relacións e encontros sexuais máis libres e igualitarios, ao tempo que “aprenden a detectar a violencia machista e a LGTBfobia no ámbito das relacións sexuais e o consumo de drogas”, destaca a concelleira. “Educar en sexualidade e igualdade é unha gran necesidade hoxe en día, só fai falla ver os cánticos de todos eses mozos do colexio maior de Madrid para confirmalo”, conclúe María Ortega.

Estes talleres están subvencionados polo Concello de Moaña e a Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia.