"Un espazo de confianza para apoiar a adolescentes con problemas de conduta e de adiccións"

A Asociación Érguete traballou durante o veran con mozos e mozas a través de obradoiros grupais para axúdalos no seu proceso

A adolescencia é unha etapa difícil, con moitos cambios e un desafío para rapaces, rapazas e tamén para as súas familias. Moitos teñen o seu primeiro contacto coas substancias e as adiccións nestes anos, xusto cando son máis vulnerables. O consumo dos mozos e mozas é un problema que chega ao fogar e que, en moitos casos, pais e nais non saben ben como resolver. Na Asociación Érguete detectaron este problema e xa dende fai anos teñen un equipo especializado en traballar cos menores a través do seu Programa de Formación e Integración Social (PFIS). Este proxecto ocúpase da atención terapéutica e educativa para adolescentes e as súas familias co obxectivo fundamental de levar a cabo unha labor de prevención e intervención dirixida a diminuír ou eliminar estas condutas.

Entre os rapaces e rapazas usuarias atópanse situacións problemáticas como o abuso de substancias, malos comportamentos no ámbito familiar, dificultades académicas, desaxustes e desregulación emocionais como ansiedade ou depresión, así como a comisión de delitos ou infraccións administrativas. “En Érguete queremos que os mozos e mozas adquiran recursos para superar aqueles factores de risco persoais, sociais ou emocionais que están contribuíndo á estas condutas”, explica as profesionais sociais do PFIS, Ana Vázquez, María Novelle e María Rosado. Para acadar estes obxectivos “desenvolven unha serie de actividades formativas nas que inclúen a intervención psicoeducativa individual, grupal e familiar con profesionais da educación social, da pedagoxía, da psicoloxía e do ámbito xurídico”, destaca. 

Durante o verán, a Asociación realizou unha serie de obradoiros co obxectivo de crear un espazo de confianza para apoiar aos e ás adolescentes. O equipo de Érguete compartiu coa mocidade talleres sobre “sistema sexo-xénero, feminismo e traballo en adiccións dende una perspectiva de xénero,  violencias machistas, socialización diferencial e LGTBIfobias na adolescencia e xuventude, saúde, prácticas, educación sexual e pornografía”. Así como, o abordaxe do consumo das diferentes substancias na etapa adolescente, implicacións, efectos e as posibles consecuencias. Os e as rapazas valoraron “de maneira moi positiva” estas formacións e agradecen ter un espazo de intercambio con persoas “na nosa mesma situacións coa que poder falar en confianza”, explican.

Este servizo da Asociación Érguete é completamente gratuíto e está dirixido a mozos e mozas de entre 14 e 21 anos que sexan derivados polos equipos técnicos do Servizo de Menores da Xunta de Galicia, a Subdelegación do Goberno de Pontevedra, o plan local de drogas de Vigo, os concellos do área metropolitana de Vigo, os Gabinetes de Orientación Familiar, o Plan de Intervención Familiar do Concello de Vigo , os institutos do área de Vigo, así como outros servizos de drogas da cidade, e outros axentes clave. Ademais, o programa está financiado pola Vicepresidencia e a Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza da Xunta de Galicia.