0
0
0
s2sdefault

A entidade adaptou o seu servizo para continuar durante a crise sanitaria con formación presencial, pero tamén telemática, porque a “prevención non pode parar nunca”

3000 menores en talleres prevencion asociacion erguete

“A prevención é a mellor maneira de loitar contra unha adicción, e non debemos deixar de traballar con ela nunca”, explica unha das responsables do programa de prevención da Asociación Érguete, Laura Durán. Baixo esta premisa, dende a entidade afrontaron este curso escolar 2020/21 como un “reto” que debían superar. E que, finalmente, superaron. Máis de 3000 menores da área de Vigo asistiron a talleres de prevención de adiccións durante este ano educativo.

O alcance do servizo non se limita soamente a menores, as familias tamén son un obxectivo do equipo de prevención. “Canto mellor preparados están os pais e nais, mellor poden afrontar as conversación sobre adiccións cos seus fillos e fillas”, explica Durán. Durante este curso 423 familias asistiron a formacións específicas para tratar de entender unha adicción, para falar de novas tecnoloxías, de videoxogos… Moitos dos pais e nais, a raíz do confinamento, solicitaron asesoramento para xestionar o tempo que pasan os seus fillos e fillas diante das pantallas.

Ademais na Asociación Érguete tamén apostaron para educar en igualdade. A través de talleres con nenos e nenas de infantil e primaria traballaron cos estereotipos de xénero, coa identidade e o autocoñecemento, e analizaron as profesións e os xoguetes para eliminar prexuízos. Os resultados destas actividades foron “moi satisfactorios”, e cada un dos e das 328 menores que participaron demostraron que os “estereotipos pódense derrubar”.

3000 menores en talleres prevencion asociacion erguete 2

 

“Adaptar todos os nosos programas de prevención ás limitacións da pandemia foi difícil, pero non podíamos nin queríamos parar”, afirma a especialista da Asociación. Ata o ano pasado os talleres eran sempre presenciais e con moitas actividades colectivas, pero durante este curso non foi posible, aínda que se mantiveron talleres presencias, tamén tiveron que impartir por primeira vez moitas sesións de maneira online. “O máis difícil de impartir unha formación online, é facela amena para os nenos e nenas coa limitación da pantalla”, afirman, aínda que consideran que os resultados e a avaliación dos rapaces e rapazas “animan a seguir innovando”.

O servizo de prevención da Asociación Érguete divídese en tres equipos. Un adicado integramente ao Concello de Vigo e financiado polo mesmo, unha oficina técnica que traballa en varios municipios da provincia e está subvencionada pola Xunta de Galicia, e outro que funciona a través do apoio da Deputación de Pontevedra. Os concellos de Redondela e Moaña tamén destinan recursos para contar cun servizo de prevención da man da Asociación.