"O alumnado do IES Rosalía de Castro coñece o problema das adiccións da man da Asociación Érguete"

15 estudantes de 1º da ESO entrevistaron esta mañá a profesionais e persoas usuarias da entidade

O alumnado de 1º da ESO do IES Rosalía de Castro asistiu hoxe a clase como xornalistas a unha rolda de prensa. Chegaron con ganas de preguntar e moita información nas súas costas para entrevistar a profesionais e persoas usuarias da Asociación Érguete. O seu obxectivo, aprender todo o posible das adiccións.

“É un tema ao que se lle debería dar máis importancia”, opina Andrea García antes da entrevista. Ela e os seus compañeiros están moi contentos de aprender sobre as adiccións desta maneira xa que “nunca na nosa vida fixemos de xornalistas. Coñecer xente e contar historias que axudan está moi ben”, reflexiona David García.

Comezaron a actividade cunha entrevista a dúas educadoras sociais e a un psicólogo da Asociación Érguete. Da súa man aprenderon o que é unha adicción, como identificala, e como loitar contra ela. Tamén souberon que hai menores, un pouco maiores ca eles, que actualmente traballan dentro do programa PFIS da entidade para deixar atrás as súas adiccións. A educadora Ana Vázquez valorou “moito” o nivel do cuestionario e animounos a que utilicen todo o que aprenderon para “axudar e ensinar ás persoas do seu entorno”.

Rematada esa entrevista máis teórica os rapaces e rapazas continuaron o seu traballo xornalístico falando con dúas persoas usuarias da Asociación. Primeiro cun dos residentes das vivendas de apoio o tratamento da entidade que trata de deixar a súa adicción despois de 25 anos consumindo, e despois cunha menor do programa PFIS que dende a cercanía da idade tratou de facerlles comprender o fácil que pode ser caer nunha adicción.

Agora os estudantes teñen por diante a tarefa de redactar estas tres entrevistas para compartir o contido con todos os seus compañeiros e compañeiras de instituto. Sempre coa axuda do instigador desta actividade que os convirte en xornalistas por un día, o seu profesor de lengua e literatura, Alberto Sacido.