"Os rostros das mulleres que hai detrás de Érguete"

27 traballadoras e usuarias da Asociación e da Fundación comparten situacións de desigualdade que sufriron para lembrar que “aínda hai moito camiño por percorrer”

As paredes de Érguete amenceron este 8M vestidas cos rostros de 27 mulleres. As traballadoras e usuarias da Asociación e da Fundación decidiron sacar a careta do silencio e denunciar desta maneira as situacións de desigualdade que sufriron ao longo da súa vida sen medo a ensinar a cara.

Con esta iniciativa as mulleres de Érguete queren lembrar que “hai moito camiño por recorrer para acadar unha sociedade en igualdade”. As situacións que denuncian afectan a todos os aspectos da vida dunha persoa.

“Antes de irche de paseo, faille a cea ao teu irmán e pásalle o ferro a camisa”, “o meu médico díxome que non me daba anticonceptivos porque xa estaba en idade de ter fillos “, “atopeime con varios usuarios que non aceptaban as indicacións dunha muller”, “recibín gabanzas dun home na rúa mentres se tocaba”… Estas son algunhas situacións que denuncian estas mulleres e que confirman que “ a nosa voz é máis precisa que nunca”.

Dende a entidade tamén queren aproveitar este acto para lembrar que as mulleres con adiccións sofren unha dobre discriminación: por ser mulleres e por ser consumidoras. Deste xeito, o tratamento nas condutas aditivas vese obstaculizado polas discriminacións sufridas por ambas vertentes. Explican que estas mulleres ademais de aguantar todos os prexuízos que existen na sociedade coas persoas con problemas de adiccións, teñen que loitar e pedir axuda nun sistema “que non está pensado para elas”. Remítense a un dato tan “significativo”, como que só unha de cada catro persoas que accederon a Red de Atención a las Adicciones (UNAD) durante o 2018 era muller.