"O consumo de alcol en Galicia provocou 1.206 mortes anuais entre 2010 e 2017"

O estudo publicado polo Ministerio de Sanidade “Mortalidad atribuible al alcohol en España 2001-2017” recolle a media anual de mortes e fixa a Galicia como a terceira comunidade cun risco máis alto de mortalidade do Estado.
WhatsApp Image 2020 07 07 at 11.31.44

O consumo de alcol provocou a morte de 1.206 persoas ao ano en Galicia entre o 2010 e o 2017 segundo o estudo “Mortalidad atribuible al alcohol en España 2001-2017” publicado polo Ministerio de Sanidade esta semana. Desas mortes un 73% correspóndense a homes, mentres que un 27% a mulleres. Ademais o 53 % desas mortes son consideradas prematuras, ao corresponder a menores de 75 anos.

Estas cifras mostran que a adicción ao alcol tamén “é unha pandemia mundial”, avisa a coordinadora da Asociación Érguete, Elvira Rivas. A traballadora social ademais alerta de que Galicia é unha das comunidades máis afectadas de España. O estudo coloca a comunidade como a terceira cun risco máis alto de morte cun 43,9 de mortes atribuíbles ao alcol cada 100.000 habitantes, só por debaixo de Asturias (46/100.000) e Andalucía (44,7/100.000).

Os datos ademais poden mostrar unha mortalidade inferior á real. O informe avisa que a estimación é conservadora e está calculada á baixa porque non se considerou, por exemplo, o risco asociado ao consumo intensivo episódico de alcol (binge drinking) ou que graduación do vino estimada probablemente sexa máis baixa ca do contexto español actual.

A coordinadora da Asociación Érguete quere que estes datos axuden a “abrir os ollos das problemáticas que pode traer o alcol”, e incide en que “para esta pandemia si que hai vacina, a prevención”. “Cada unha destas mortes podería non ter pasado se estas persoas recibiran unha boa educación preventiva para evitar o consumo prolongado de alcol”, explica.

En plena campaña electoral, a presidenta da Asociación, Carmen Avendaño, quere lembrar a cada unha das forzas políticas que opta a entrar no parlamento galego do urxente que é un pacto galego para traballar na prevención das adiccións, con o sen substancia, que conte co respaldo das Asociacións, que como Érguete, teñen moitos anos de experiencia e loita nas costas.