"A Asociación Érguete atendeu a 4.341 persoas en plena pandemia"

Pese as restricións, e os múltiples problemas derivados da crise sanitaria, na entidade sempre tiveron claro que “non podíamos baixar o ritmo cando máis nos necesitan”

Fai exactamente un ano do primeiro caso identificado de coronavirus en España. Un ano da irrupción dunha pandemia destrutiva que deixou e deixa moitas vidas atrás. Un ano que nos pillou a todos de imprevisto, pero no que non tocou outra que adaptarse. Así fixo a Asociación Érguete, orientando cada un dos seis programas para non parar durante a pandemia, o que posibilitou que 4.341 persoas recibiran algún tipo de axuda ou intervención durante este ano.

“Non podíamos baixar o ritmo cando máis nos necesitaban”, sentencia a coordinadora de Érguete, Elvira Rivas. A traballadora social leva 30 anos na entidade e explica que nestas situacións de crises “outras pandemias como as adiccións e a desigualdade”, non poden ser esquecidas posto que as persoas son moito máis vulnerables a estes problemas. Nestes momentos hai que “estar máis atentos e preparados que nunca”, conclúe.

Pese ao confinamento estrito, os resultados da entidade son moi similiares aos do ano pasado, e incluso en varios programas as persoas atendidas foron máis. O departamento de prevención traballou con 2.934 menores, e 515 familias a detección e a anticipación de problemas de adiccións. 620 persoas con problemas derivados do consumo de substancias recibiron atención xurídica gratuíta, incluídas persoas drogodependentes que sufriron multas por romper o confinamento estrito da primavera do 2020. Tamén 42 menores con problemas adictivos e de conduta recibiron unha atención personalizada para mellorar a súa situación.

Vivendas para salvar a pandemia

28 persoas con problemas de adiccións foron acollidas durante o último ano nas tres vivendas de apoio que a Asociación dispón en Vigo. O obxectivo deste programa é posibilitar a oportunidade de mellora persoal e incorporación sociolaboral destas persoas en risco de exclusión, pero durante a pandemia tamén está a ser un lugar seguro para tratar de salvar unha enfermidade da que moitos e moitas son colectivo de risco.

“Nas vivendas todos están a demostrar a súa responsabilidade, e as súas ganas de mellorar e axudar” destaca Rivas, ao tempo que lembra como durante os peores momentos da pandemia en marzo e abril os usuarios e usuarias estiveron varios días traballando na confección de pantallas protectoras para doar ao persoal sanitario.

Un confinamento en prisión

A vida en prisión durante a pandemia está sendo aínda máis dura. As persoas privadas de liberdade perderon durante meses parte dos seus poucos contactos co exterior coa suspensión das visitas. Por sorte, e durante a maior parte do ano, os traballadores da Asociación estiveron en contacto con eles e elas para axudarlle a integrarse na prisión e acompañalos para unha segunda oportunidade na sociedade.

43 mulleres da prisión de A Lama recibiron talleres e atención individualizada con perspectiva de xénero para gañar confianza, recursos e habilidades para enfrontar as condicións do cárcere, e preparalas para o futuro fóra dos muros. E tamén 90 homes en réxime de primeiro grao dos centros penitenciarios de A Lama e Teixeiro participaron nos talleres para facilitar e mellorar a súa integración na prisión.

“Hai que ter en conta que na prisión xa estaban confinados de por si, e que a pandemia só magnificou a súa situación”, explica Rivas. A coordinadora de Érguete considera que o mal que o pasamos todos confinados debe tratar de facernos “empatizar coa difícil situación das persoas privadas de liberdade”, para favorecer a desaparición dos estigmas e prexuízos contra as persoas que ingresan en prisión.