"A Asociación Érguete renova o convenio de colaboración do seu servizo xurídico coa Xunta de Galicia"

Durante o 2019 o equipo xurídico atendeu a 562 persoas nun total de 5.225 intervencións
Fima Convenio servicio xuridico xunta 2020

O traballo da Asociación Érguete non se interrompe durante este confinamento. O seu servizo asistencial é indispensable para que persoas en situación de risco non queden desamparadas e soas durante a emerxencia sanitaria. Nun paso máis para reforzar a capacidade de atención da Asociación, a presidenta, Carmen Avendaño, renovou hoxe co conselleiro de Sanidade da Xunta de Galicia, Jesús Vázquez Almuiña, o convenio de colaboración que dota de recursos económicos ao servizo xurídico da entidade sen ánimo de lucro con sede en Vigo.

O servizo xurídico da Asociación Érguete comezou a súa andanza no 1989, pouco despois da legalización da entidade no 85, froito da ardua loita dun grupo de nais contra o narcotráfico. Agora, 31 anos despois e completamente especializado, un equipo formado por sete profesionais presta unha atención individualizada a persoas con condutas adictivas e problemas legais asociados. Durante o 2019, atenderon a 562 persoas nun total de 5.225 intervencións.

“Este servizo axuda ás persoas de maneira gratuíta cos seus problemas legais reducindo o seu desamparo legal e a indefensión de colectivos en risco de exclusión”, explica a coordinadora da Asociación Érguete, Elvira Rivas. Ademais do traballo coas persoas usuarias, o equipo xurídico tamén está en contacto con distintas institucións (Policía, Xuzgado, Prisión…) para axudar nos distintos procesos.

Un servizo que non para

A emerxencia sanitaria non interrompe o traballo no servizo xurídico da Asociación Érguete e as persoas usuarias poder acceder a el, preferiblemente de maneira telefónica. Desta maneira, moitas familias en situación de desamparo poden atopar respostas a súa situación legal durante o estado de emerxencia, recibir asesoría para solicitar aos organismos públicos as distintas axudas sociais…