"A Asociación Érguete avisa de que a actividade dos narcotraficantes indica que o consumo tamén está aumentando"

Na entidade indican que esta problemática aínda non se está trasladando aos centros asistenciais, pero “debemos estar preparados”

“O narcotráfico está moi activo e as cifras de incautación e de tráfico son moi preocupantes”, avisa a coordinadora da Asociación Érguete, Elvira Rivas. Dende a entidade teñen moita experiencia están moi pendentes destes movementos dende que unhas nais lideradas por Carmen Avendaño crearon este movemento. Explican que con esta situación a sociedade debe “estar alerta”, porque esta problemática “canto máis crece, máis se retroalimenta”. Canto máis droga entra, máis consumo e máis demanda. O que aumenta a produción e o tráfico. Isto, na súa fase inicial, pode “pasar desapercibido”, de feito, Rivas indica que nos centros asistencias aínda non se aprecia aumento de persoas usuarias, pero nun tempo pode provocar tamén unha vaga máis grande de persoas con problemas de adiccións

Dende a Asociación Érguete tamén queren lembrar de que os problemas de adicción de hoxe non son os mesmo que os dos anos 80. O consumo cambiou, tamén algunhas substancias, e, agora, “a problemática está máis invisibilizada”. Contan que, antes, “nun paseo pola túa cidade podías percibir rapidamente os efectos do consumo, pero agora é máis difícil de ver. Tamén para as Asociacións”. Aínda así, Rivas, indica que dende a policía avisan de que “preocupan as cantidades de heroína que están entrando en Galicia, así como as plantacións ilegais de cannabis que se están a expandir en zonas illadas e vellas naves industriais”. 

A coordinadora de Érguete indica que “esta situación está a empeorar porque, quizais, como sociedade levantamos a garda». E lembra que esta loita é un “compromiso da sociedade no que non podemos criminalizar ás persoas consumidoras e debemos ser conscientes de que teñen un problema e do que non poden saír sós”. Rivas volve incidir na importancia da prevención dende pequenos e pequenas e engade “que apostar por este traballo e evitar problemas futuros”. Conta que na Asociación levan anos traballando para fortalecer o seu programa preventivo e indica que o ano pasado superaron os 6.000 nenos e familias atendidos nas súas charlas nos colexios e nos concellos de Vigo e a súa área.